Burgo das Nacións Aula Verde Biblioteca Deportes Informática Sociocultura
Biblioteca | Burgo das Nacións: Encontro con Rosa Aneiros na Ánxel Casal

16 de dec. de 2013

Encontro con Rosa Aneiros na Ánxel Casal

Os lectores de Rosa Aneiros (da que, xa de paso, temos varios libros no cuarto andar da fase C) teñen sorte! Este mércores estará ben preto da nosa residencia.

A bolsa de biblioteca reproduce aquí un dos correos informativos da biblioteca pública de Santiago: 

"O 18 de decembro ás 19:30 h., a Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal” acollerá no seu Salón de Actos un encontro dos lectores coa escritora Rosa Aneiros (entrada libre ata completar a capacidade da sala) que estará acompañada por Fran Alonso, en representación de Edicións Xerais. A autora falará sobre a súa obra con todos os composteláns que queiran achegarse á biblioteca e presentará a súa publicación máis recente, Ámote Leo A. Destino Xalundes, editada por Xerais. 



 Ámote Leo A. Destino Xalundes iníciase co plan de Leo para facer unha gran viaxe cos seus amigos ao rematar os estudos universitarios, pero cando os seus colegas se botan atrás Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero por fin, unha mañá de xaneiro toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Quen estará detrás da misteriosa mensaxe? Este libro inicia unha engaiolante triloxía na que Leo deberá resolver estas e outras incógnitas que lle deparará o camiño, para descubrir que as cousas non sempre son como 
as soñamos senón que resultan moito mellores.
Rosa Aneiros foi galardoada co Premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega do ano 2002 por Resistencia . En 2009 recibiu o Premio Xerais á mellor novela con Sol de inverno así como o Premio Fundación Caixa Galicia ao mellor título de literatura xuvenil por Ás de bolboreta, que foi incluído na prestixiosa lista The White Ravens 2010."